REY VARELA DESTACA A IMPORTANCIA DA FORMACIÓN PARA AVANZAR NA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES REAL E NA PLENA INTEGRACIÓN SOCIAL
A Xunta de Galicia financia con 35.000 euros esta iniciativa, que ten por obxecto promover a finalización dos estudos obrigatorios e reducir o abandono e o absentismo escolar entre a comunidade xitana
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2017.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, defendeu hoxe a formación como “un piar básico para o desenvolvemento das persoas, avanzar nunha igualdade de oportunidades real e efectiva e na plena integración social”. O responsable da área social do Goberno galego realizou estas declaracións no transcurso dunha visita ao programa “Promociona”, que desenvolve a Fundación Secretariado Gitano de Galicia con financiamento da Administración autonómica e que ten por obxecto promover a finalización dos estudos obrigatorios e reducir o abandono e o absentismo escolar entre a comunidade xitana.
Rey Varela considerou “prioritario” continuar coa implantación de políticas activas que contribúan a avanzar na plena integración da poboación xitana, xa que a pesar dos avances que se teñen producido esta segue a padecer desvantaxes sociais, polo que “cómpre seguir adiante con medidas que nos axuden a derrubar aquelas barreiras sociais que se resisten a caer e conseguir unha sociedade máis xusta e inclusiva”, dixo. E insistiu: “Temos un obxectivo moi importante na Consellería de Política Social que é o de evitar a cronificación da desigualdade e para elo temos que ofrecer as mesmas oportunidades a todos e a todas e o Programa Promociona persegue precisamente esa finalidade”.
Neste sentido, a Xunta de Galicia e a Fundación Secretariado Gitano levan anos traballando conxuntamente en programas que teñen como finalidade cubrir as demandas e necesidades que teñen as familias xitanas nos diferentes ámbitos, entre estes o educativo, ao que responde a iniciativa “Promociona”. O departamento autonómico de Política Social achega 35.000 euros a este programa, que para Rey Varela “é realmente importante xa que para que as persoas teñan as mesmas oportunidades é necesario que estas teñan acceso aos mesmos niveis de formación”, apuntou.
Os destinatarios de “Promociona” son alumnos e alumnas do último ciclo de Educación Primaria -5º e 6 cursos- e de Secundaria Obrigatoria –de 1º a 4 de ESO-; os cales reciben orientación educativa e acompañamento individualizado, así como clases de apoio e reforzo. O programa tamén procura a implicación dos familiares para conseguir o éxito educativo dos menores e así promover a continuidade en estudos medios e/ou superiores e formación profesional.
A iniciativa comezou a implantarse en Galicia no curso escolar 2008/2009 na localidade de Pontevedra. Dende entón, a súa implantación ten ido en aumento e na actualidade desenvólvese, co apoio da Xunta de Galicia, nos concellos da Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela.
Mellorar as condicións de vida destas persoas
A Fundación Secretariado Gitano de Galicia é unha entidade social intercultural sen ánimo de lucro que presta servizos para o desenvolvemento da comunidade xitana en Galicia. Dende o ano 2001, desenvolve programas e accións que pretenden fomentar a participación social e a incorporación laboral da comunidade xitana en Galicia, e apoiar as iniciativas que, dende distintas entidades, teñen por obxecto a mellora das condicións de vida das persoas xitanas.
Na actualidade atende a preto de 2.000 persoas e conta con sedes en Lugo, Santiago, A Coruña, Narón, Pontevedra e Vigo. Ademais de programas como ACCEDER, a devandita fundación desenvolve outros programas a nivel local, de equipamento para a acción social, de intervención social, de busca de emprego, de muller, de drogodependencias ou de educación de persoas adultas entre outros.